Saturday 04 de May de 2024

Pablo Lago informa á veciñanza do trámite de recoñecemento do terreo levado a cabo no seo do expediente de Augas de Galicia para a concesión da central hidráulica reversible do Tambre


A Comisión de Seguimento creada o pasado mes de febreiro celebrou onte unha asemblea xeral en Cornanda

A Comisión de Seguimento contra a concesión da central hidráulica reversible do Tambre celebrou na noite de onte mércores unha asemblea xeral no local social de Cornanda. Unha xuntanza na que o alcalde de Brión e presidente da Comisión, Pablo Lago, informou aos presentes sobre o trámite levado a cabo o pasado 18 de outubro por Augas de Galicia e que consistiu no recoñecemento do terreo para confrontar os documentos técnicos presentados no expediente para a concesión dun aproveitamento hidroeléctrico no río Tambre.

Tanto o presidente como o asesor xurídico da Comisión de Seguimento explicáronlle aos veciños e veciñas que este trámite de recoñecemento do terreo está previsto no artigo 111 do Regulamento do Dominio Público Hidráulico: “O Organismo de conca, ultimada a tramitación anterior, citará con antelación suficiente a todos os interesados ao acto de recoñecemento sobre o terreo, para confrontar o documento ou documentos técnicos presentados, do que se levantará acta detallada, que subscribirán os asistentes”. Unha acta que aínda non foi recibida nos concellos de Brión e Negreira.

O asesor explicoulles que agora é Augas de Galicia quen ten que emitir informe sobre os documentos técnicos presentados polas empresas e a viabilidade da súa execución, así como informar sobre as reclamacións necesarias, tras o que deberá abrir un trámite de audiencia aos interesados.

Apoio aos veciños

Pablo Lago insistiu en que a posición do Concello de Brión é a mesma dende o principio e que está recollida na primeira liña do documento de alegacións, onde manifesta “o máis absoluto rexeitamento ás iniciativas do aproveitamento da auga que se interesan, que levarán a unha alteración irreversible do medio natural, económico e social, condicionando – e mesmo chegando a facer desaparecer – o estilo de vida rural imperante na zona por mor da execución da Central Hidroeléctrica Reversible do Tambre que se pretende implantar”. Un apoio do que dá lembranza unha pancarta instalada no exterior da casa consistorial “a pesar de que xa houbo quen pediu a súa retirada”.

Neste sentido, Lago Sanmartín compartiu a intranquilidade da veciñanza e reafirmou que “estamos ao voso lado. Isto é algo que nos trouxeron e faremos todo o que legalmente poidamos para que non saia adiante”, lembrando que “as portas do concello están abertas para atendelos porque este é o concello de todos e estamos á vosa disposición”. Como exemplo, un dos presentes apuntou a posible existencia dunha falla na zona, polo que o Concello solicitará orzamentos para estudar a posibilidade de realizar un estudo xeolóxico na zona.

A Comisión de Seguimento está presidida polo alcalde de Brión e integrada por 8 veciños e veciñas de Cornanda, un representante de cada grupo político municipal (PSOE, PP e BNG), un asesor técnico e un asesor xurídico, se ben á asemblea xeral poden asistir calquera veciño e veciña afectado/a.